ILLAS CÍES

NATUREZA

Espazo Natural Protexido, Clima Mediterráneo, Flora Terrestre Endémica…

» Espazo Natural Protexido

O arquipélago das Illas Cíes é un espazo natural que conta con numerosos sistemas de protección, entre os que destaca a súa inclusión dentro da Rede de Parques Nacionais. Unha das principais medidas que se adoptan para garantir a súa conservación é a restrición do número de visitantes diarios.

Orixinadas por movementos tectónicos no cuaternario, as illas forman parte dunha cadea montañosa que se afundiu no mar fai varios millóns de anos. A configuración das illas ten dúas partes ben diferenciadas: a oriental do interior da ría é unha costa suave con grandes areais e bosques, mentres que a parte occidental é unha sucesión de cantís e covas formadas pola acción do mar, onde miles de parellas de aves teñen o seu hábitat.

Actualmente o arquipélago está deshabitado por completo. É un paraíso natural con praias virxes, sistemas dunares e natureza en estado puro, totalmente desconectado do mundanal ruído, onde o único medio de transporte para acceder é o barco.

No ano 1980, as Illas Cíes foron declaradas como Parque Natural co obxectivo de preservar, conservar e rexenerar este espazo natural, promovendo o seu coñecemento e posibilitando un uso público compatible coa conservación da natureza.

Posteriormente no ano 2002, créase o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, formado por un conxunto de arquipélagos, illas e illotes que son Cíes, a Illa de Ons, Sálvora e Cortegada.

Os parques nacionais son áreas naturais pouco transformadas pola acción humana que, sobre a base do seu interese paisaxístico, xeolóxico, os seus ecosistemas ou a singularidade da súa flora e a súa fauna, posúen uns valores estéticos, ecolóxicos, educativos ou científicos polos que merecen unha especial protección. Nas Illas Cíes están excluídas, por tanto, todas as actividades que alteren ou poñan en perigo a estabilidade dos ecosistemas.

Por normativa, o acceso de visitantes ás Illas Cíes está moi limitado por día e contan ademais con outros sistemas de protección como a súa inclusión na Rede Europea Natura – Lugares de Importancia Comunitaria LIC ou no Convenio OSPAR 2008, e a súa consideración como Zona de Especial Protección Para as Aves ZEPA.

O clima das Illas Cíes é especialmente particular. Apréciase, ao igual que no resto de illas que forman parte do Parque Nacional, un clima mediterráneo subhúmido de transición atlántica, o que implica unha redución considerable das precipitacións con relación á costa e temperaturas lixeiramente superiores.
Nas Illas Cíes chove case a metade que nas zonas costeiras próximas (Vigo, Cangas, Baiona), o que demostra que o efecto da insularidade é moi importante. Isto é debido a que as altitudes baixas das illas apenas constitúen un obstáculo para as nubes, en contraste coa barreira de montes costeiros de ata 700 metros de altura.

A escaseza relativa de choivas, unida á pouca profundidade dos chans, provoca que nos meses de verán prodúzase un descenso da auga dispoñible.

A temperatura media anual das illas oscila entre 13 e 15 graos, elevándose a fluctuación nas estacións de primavera e verán ata os 20 e 22 graos de media, alcanzándose máximas de ata 35 graos.

» Clima Mediteráneo

» Flora Terrestre Endémica

A flora das illas presenta un aspecto moi arborado, no que predominan entre outras especies, o pino e o eucalipto, pero conta tamén con especies endémicas que só se atopan neste medio como a Herba de Namorar ou a Camariña.
Ao redor da década dos 50, por orde de Franco, a illa foi sometida a unha repoboación de eucaliptos e acacias austrais. Nunha das súas visitas ás illas, o Caudillo considerou que facía falta habilitar zonas de sombra para resgardarse da sufocante calor que fai durante os días de verán. Actualmente, nas Illas Cíes hai ao redor de catorce especies de eucaliptos.

Entre os arbustos predomina o toxo, a xara, o torvisco e a silveira. Nos terreos máis protexidos, o toxo adquire un gran tamaño servindo de barreira para as colonias de aves mariñas.

De todas as plantas das illas, as máis importantes e de maior valor ecolóxico son as que aparecen en dunas e cantís, xa que son as plantas que só se dan neste medio, escasas e endémicas. De entre todas elas, destacan a Armería ou Herba de Namorar, empregada antigamente para realizar beberaxes máxicas relacionadas co amor e a fertilidade, e a Camariña, un arbusto que dá uns pequenos froitos comestibles.

As Illas Cíes posúen unha fauna terrestre moi particular. Neste arquipélago ten o seu hábitat o corvo mariño moñudo, sen dúbida, unha das especies máis singulares das que se poden atopar no entorno e un dos exemplos máis espectaculares de adaptación ao medio mariño que existe na natureza. Esta ave convive no arquipélago coa colonia máis grande do mundo de gaivotas patiamarelas e con outras especies como as gaivotas sombrías, os araos ibéricos ou os paíños comúns.

O cormorán moñudo constitúe un dos exemplos máis espectaculares de adaptación ao medio mariño que existe na natureza, xa que, a pesar de utilizar o medio aéreo para desprazarse, toda a súa estrutura está deseñada para desenvolverse con incrible soltura baixo as augas mariñas e capturar os peixes que constitúen o seu alimento. O seu principal inimigo son as redes de pesca, onde aparecen afogados ao non poder volver á superficie. Esta especie foi catalogada recentemente como en perigo no Libro Vermello das Aves de España.

Ademais das aves que se reproducen no parque, ao longo do ano é frecuente a presenza doutras aves mariñas e acuáticas que fan uso do parque durante os seus períodos migratorios e invernantes como o falcón peregrino ou o azor.

Debido a esta gran riqueza natural, a illa conta con varios observatorios ornitolóxicos. Os máis visitados son os do Alto da Campá, na Illa do Faro, e o Faro do Peito, na Illa de Monteagudo.

Entre os anfibios podemos atoparnos con píntegas, tritóns ibéricos e sapos pintos ibéricos.

Entre os réptiles destacan o lagarto ocelado, a lagartixa ibérica, o eslizón tridáctilo e as culebras de escaleira, entre outros.

» Flora Terrestre Singular

» O Medio Mariño

O medio mariño representa aproximadamente o 85% do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A zona submarina que rodea as Illas Cíes forma un dos ecosistemas máis ricos da costa galega e conta cun importante bosque de algas pardas e corais.

O chamado sistema de afloramento de augas costeiras, que consiste nun proceso de circulación de augas que entran e saen das Rías Galegas, e a mestura de auga doce e salgada, favorecen a concentración de nutrintes e microorganismos que supoñen fonte de alimento ao resto das especies mariñas.

Os fondos mariños do Parque Nacional están formados por catro capas ben diferenciadas: a primeira formada por area, a segunda por cascallo, a terceira por Maërl (un tipo de alga coralinácea, onde se crían diferentes especies mariñas) e a cuarta por elementos rochosos.

Nos cantís expostos á forte ondada críanse percebes e mexillóns. Na súa parte submarina, moi pedregosa, pódense atopar nécoras, centolas, bogavantes e polbos. Nas praias das zonas máis protexidas hai multitude de moluscos bivalvos, así como rodaballos, sollas e linguados. As zonas rochosas pero protexidas do interior das illas están poboadas por verdadeiros bosques de anemones e numerosos ourizos de mar.

Tamén podemos atoparnos con outras especies que habitan baixo as augas do Parque Nacional por exemplo: sargos, nutrias ou estrelas de mar.

Habitualmente as augas que rodean as Cíes son visitadas por golfiños, baleas e tartarugas mariñas.

NON ESPERES MÁIS…

RESERVA AGORA O TEU BILLETE

O billete para o destino dos teus soños

- +
- -
- +

AVISO IMPORTANTE

SE VAS VIAXAR ÁS ILLAS CÍES OU Á ILLA DE ONS EN SEMANA SANTA E A PARTIR DO 15 DE MAIO (EXCEPTO CAMPISTAS), antes da compra do billete, debes obter a autorización solicitada pola Xunta de Galicia, na que che facilitarán o código pre-reserva (necesario para adquirir o billete do barco).

TAMÉN PODES DESFRUTAR DE...