Guía do viaxeiro para as Illas Cíes

Prepara a túa viaxe

Descubre todo o que debes saber para preparar a túa viaxe e desfrutala ao máximo.

RESERVA DE BILLETES

As Illas Cíes pertencen ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e o número de visitantes diario está limitado, polo que o máis importante á hora de realizar a reserva de billetes é facelo coa maior antelación posible, especialmente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro..

Para reservar os teus billetes ás Illas Cíes podes facelo directamente dende a túa casa en www.mardeons.com ou no teléfono 986 225 272 de forma sinxela, rápida e, sobre todo, segura.

No momento de realizar a reserva deberás elixir entre todos os portos de saída dispoñibles, os vinte e dous horarios de saída diarios e facilitar o teu número de identidade xa sexa DNI, NIE ou Pasaporte, para obter a correspondente autorización de Parques Nacionais.

DOCUMENTACIÓN PARA VIAXAR

Para viaxar, deberás ter a documentación exixida pola normativa vixente (DNI, pasaporte, NIE) e presentala ao persoal do Parque Nacional cando a pidan.

Os nenos deberán viaxar sempre acompañados dun adulto e cómpre que presenten a súa documentación correspondente (DNI, NIE, pasaporte ou libro de familia) durante o embarque, pois o noso persoal verificará que os nenos son menores de 13 anos.

Para poder efectuar o embarque de forma rápida e áxil, agradecemos que leves contigo a documentación requirida xa preparada.

EQUIPAXE

Para viaxar ás Illas Cíes podes levar ata un máximo de 20 kg de equipaxe por persoa. Porén, has de valorar a cantidade que podes trasladar por ti mesmo e prestar especial atención aos obxectos de valor, pois Mar de Ons non se fai responsable dos posibles roubos, perdas de equipaxe ou obxectos persoais dos pasaxeiros.

Ten en conta os obxectos que se prohibe levar a bordo por considerarse ilícitos ou perigosos e os obxectos prohibidos.

OBXECTOS PROHIBIDOS

Por medidas de seguridade, está prohibido o transporte na equipaxe de mano de calquera tipo de obxecto perigoso que poida poñer en resgo a seguridade dos nosos pasaxeiros:

  • Explosivos, municións, artigos de pirotecnia ou bengalas e armas perigosas.
  • Gases (inflamables, non inflamables, intensamente refrixerados ou velenosos) como gas para cámping, oxíxeno, propano e butano.
  • Líquidos inflamables, como combustibles, pinturas ou disolventes.
  • Sólidos inflamables, como artigos de fácil ignición, sustancias suxeitas a combustión espontánea, sustancias que emiten gases inflamables ao contacto coa auga.
  • Sustancias oxidantes, como sosa ou peróxidos.
  • Materiais radioactivos.

VIAXE CON MASCOTAS

Está completamente prohibido desembarcar calquera tipo de animal nas Illas Cíes, excepto cans de cego que acompañen a invidentes. Polo tanto, se estás interesado en visitar as Illas Cíes e necesitas un servicio de aloxamento de mascotas dispós deste servicio na cidade de Vigo.

Non obstante, se decides realizar só a travesía ás Illas Cíes (sen posibilidade de desembarcar), nos barcos se admite calquera animal de compañía, sempre que estea documentado. Considéranse animais de compañía cans, gatos e aqueles animais inofensivos que, accedan ao buque provistos de correa, colar e bozo. A mascota deberá permanecer durante toda a travesía na zona exterior do barco.

Asegúrate de que levas a cartilla sanitaria da túa mascota, e que está perfectamente ao día conforme ao calendario de vacinas e desparasitacións.

EMBARQUE DE BICICLETAS

Está completamente prohibido levar bicicletas ás Illas Cíes.

EMISIÓN DE BILLETES DE EMBARQUE

Os billetes reservados poderán ser emitidos dende o momento da reserva ata 30 minutos antes da hora de saída elixida, nas máquinas expendedoras de billetes situadas en todos os portos de saída, xusto ao lado dos nosos puntos de información.

Para imprimir os billetes, simplemente hai que introducir os datos de reserva que che enviaremos directamente ao teu correo electrónico.

Ante calquera dúbida, sempre podes acudir a calquera dos nosos puntos de información.

HORA LÍMITE DE EMBARQUE

Para embarcar deberás acudir ao punto de embarque cun tempo mínimo de 15 minutos antes da saída do teu barco. Terás que permanecer na fila correspondente co teu billete na man para que o embarque sexa rápido e áxil e facilitar así a saída puntual do barco.

DISPOSITIVOS DE SEGURIDADE

A prioridade do capitán e da tripulación é a seguridade da pasaxe. Por iso, os catamaráns da compañía, ademais de cumprir con todas as revisións que solicitan tanto a Dirección Xeral da Mariña Mercante como o resto de organismos, inclúen dispositivos de seguridade adicionais.

ESPAZO SEN FUMES

De acordo coa lei estatal sobre tabaco, está prohibido fumar no interior dos barcos. Tampouco se pode fumar en ningunha das dependencias en terra da compañía.

CUBERTAS

Nos nosos barcos, ao tratarse de embarcacións grandes e estables, podes acceder á cuberta durante o traxecto e pasear sen problemas.

RECOMENDACIÓNS

  • Cómpre viaxar con roupa e calzado cómodo e botar moita protección solar para desfrutar plenamente de todo o que ofrece este paraíso natural. Non esquezas a cámara de fotos.
  • Nas Illas Cíes non hai caixeiros automáticos, mesmo se algúns establecementos de restauración admiten o pago con tarxeta.
  • En caso de que veñas en vehículo propio, recomendámosche que veñas con tempo suficiente para aparcar.
    • En Vigo dispós de varios aparcamentos de pagamento moi próximos a onde nos atopamos. Hai un aparcamento robotizado debaixo da Estación Marítima de Ría, outro na entrada ao Berbés, un aparcamento no Centro Comercial A Laxe e outro na Praza da Estrela. Tan só debes ter en conta que no aparcamento robotizado só poden aparcar turismos.
    • En Baiona dispós de dous aparcamentos de pagamento próximos ao porto. Un está baixo o parque de A Palma, a uns 500 metros do porto, e outro en Os Tendales, a uns 800 metros.
    • En Cangas hai varios aparcamentos públicos na zona do porto.
  • Acudir ao punto de información ante calquera dúbida.

Ler máis Ler menos

Información práctica

Accede a información útil sobre aspectos a ter en conta nas Illas Cíes: normas do Parque Nacional, servicios na illa, rutas, praias,…

NORMATIVA DO PARQUE

NON está permitido:

  • Tirar calquera resto de comida ou lixo, pois non hai papeleiras, polo que hai que traer o lixo ao porto de orixe e depositalo nos contedores ao seu desembarque.
  • Desembarcar animais domésticos, excepto cans de cego que acompañen invidentes.
  • Acceder ou transitar con vehículos a motor, excepto cadeiras de rodas.
  • A circulación en bicicletas e/ou vehículos similares, excepto na Illa de Ons.
  • Acampar fóra dos lugares destinados a tal fin.
  • Prender calquera tipo de lume, fogueira ou similar.
  • Acceder ás zonas sinalizadas como restrinxidas ao público, pois deberán respectar os cultivos, vallas e cercas e deberán utilizar os camiños e as pasarelas, así como evitar camiñar fóra deles polo interior do Parque.
  • Molestar, ferir, capturar ou matar aos animais silvestres.
  • Arrincar, cortar ou danar a vexetación, incluídas flores e froitos.
  • A recolección, destrución ou alteración de elementos de interese arqueolóxico, histórico ou xeolóxico, tanto terrestres como mariños: pedras, conchas, etc.
  • Introducir especies animais e/ou vexetais autóctonas.
  • Realizar calquera actividade que destrúa, deteriore ou trastorne os elementos naturais singulares da zona.
  • Utilizar megafonía ou emitir ruídos que poidan alterar a tranquilidade natural do lugar.
  • A práctica de submarinismo sen autorización previa.
  • Realizar pesca submarina e pesca deportiva.
  • Permanecer ou transitar con armas, arpóns, fusís submarinos ou outros utensilios similares.
  • Comer en calquera lugar pois deberanse empregar exclusivamente as áreas recreativas para as comidas.
  • Está permitido fumar, sempre e cando non se tiren ao chan nin as cabichas nin cigarros acendidos (todas as precaucións son necesarias para minimizar o risco de incendios).

SI está permitido

  • Levar comida, sempre e cando se traian os residuos de volta xa que non hai papeleiras.
  • Fumar, sempre e cando non se tire a cabicha ao chan.
  • Desembarcar cans de cego.
  • Acceder con cadeiras de rodas manuais (a motor non poden subir ao barco).
  • Circular con calquera tipo de carro de nenos ou de transporte de persoas ou equipaxe, pero só polas pistas autorizadas.
  • A circulación en bicicletas e/ou vehículos similares, só na Illa de Ons.

SERVIZOS BÁSICOS DA ILLA

  • Asistencia sanitaria – A día de hoxe, ningún dos arquipélagos conta con persoal sanitario de forma permanente. Nos meses de xullo e agosto, e as fins de semana de xuño e setembro, o arquipélago das Illas Cíes dispón deste servizo, xa que coincide co de maior afluencia de visitantes. A caseta da Cruz Vermella nas Illas Cíes está a poucos metros da caseta de información, xunto á praia de Rodas, e é atendida por varios socorristas e un médico ou ATS.
  • Socorristas – Xeralmente, o concello de Vigo destina tamén á estas illas un servizo de vixilancia de praias durante a temporada estival. Estes servizos asisten nas illas, xeralmente co primeiro barco e marchan no último barco do día.
  • Auga potable – É importante ter en conta que a auga potable é un ben escaso, aínda máis nos períodos máis secos e que coinciden cos de maior afluencia de visitantes. Nas illas existen algunhas fontes públicas pero que non adoitan ter auga en verán e se a teñen no se garante a súa potabilidade. É importante, pois, levar auga para visitar as illas xa que este é un territorio cun ambiente de tipo salino que propicia a deshidratación baixo o sol.
  • Aseos públicos – Os aseos públicos, accesibles para persoas con mobilidade reducida están situados no camiño que vai por riba do cámping, na illa de Faro.
  • Áreas de descanso – Aproveitando o abrigo natural que proporcionan as árbores, habilitáronse varias zonas de descanso xunto a algúns dos camiños máis frecuentados con mesas ou bancos para poder facer un alto no camiño, comer ou simplemente sentar a gozar da paisaxe e a tranquilidade. Estas áreas están situadas unha ao lado do Lago e outra xunto á praia de Nosa Señora. 

SERVIZOS A DISPOSICIÓN DO VISITANTE

  • Caseta de Información – No arquipélago das Illas Cíes, o punto de información está situado a 100 metros do peirao de Rodas (porto de embarque), na illa de Monteagudo. Pódese solicitar aquí toda a información que se precise sobre o Parque Nacional, tanto en cuestión de servizos como posibles actividades a realizar nas illas. O obxectivo principal deste servizo é ofrecer ao visitante toda a información necesaria para poder aproveitar ao máximo a súa visita. Este servizo está dispoñible sempre que haxa servizo regular de transporte marítimo.
  • Centro de Información – Está situado a 1,2 km do peirao de Rodas, na illa do Faro. Inaugurado como Centro de Interpretación no ano 1997, sitúase no interior dun antigo almacén de artillaría do S.XIX, o cal foi levantado a súa vez sobre as ruínas do Mosteiro de Santo Estevo, datado do S. XI e centro da vida insular naquela época. No seu interior aínda se poden observar os restos da cimentación, algunhas pezas que formaron parte das cornixas do edificio e un sepulcro antropomorfo, pertencente a algún dos monxes que alí viviron.
    Actualmente, o Centro dispón de punto de información ao visitante, sala de interpretación-exposición sobre o parque cunha área para obradoiro infantil e unha sala multiusos para proxeccións, cursos, conferencias ou actividades con colectivos programadas polo persoal do parque ou solicitadas ao parque. Xeralmente permanece aberto durante a tempada estival.
  • Miradoiros – Aínda que existen multitude de lugares nas illas dende os que poder admirar a súa paisaxe, só se consideran como tales algúns deles que, polo seu elevado interese paisaxístico, amplitude e localización, son accesibles para a maior parte dos visitantes. En Cíes recoméndanse o Faro de Cíes, Faro da Porta, Faro de Monteagudo, Pedra da Campá ou O Alto do Príncipe.
  • Observatorios – Casetas de madeira para a observación de aves mariñas cun deseño adecuado para achegarse ás zonas de cría sen perturbar nin escorrentar as colonias de aves. Existen dous nas Illas Cíes, un situado a poucos metros do miradoiro de Pedra da Campá (Illa do Faro) e outro xunto ao Faro de Monteagudo (Illa Norte ou de Monteagudo).
  • Paneis informativos e sinalización – O Parque Nacional presenta un panel informativo no arquipélago de Cíes, situado fronte á caseta de información.
    Contén un mapa específico do arquipélago, cos servizos, puntos de interese e itinerarios, ademais dun mapa xeral coa situación do Parque Nacional e algúns aspectos básicos da normativa do espazo natural.

SERVIZOS HOSTALEIROS

  • Cámping de Cíes – É un equipamento de carácter privado, autorizado a través dunha concesión. Sitúase na illa do Faro, a 700 metros da caseta de información do parque. Ten capacidade limitada, polo que cómpre realizar reservas de praza con antelación na súa páxina web. Deberase presentar a tarxeta de campista nas navieiras para solicitar o billete de transporte con pernocta na illa. O cámping está aberto, xeralmente, sempre que haxa transporte regular de visitantes aínda que é mellor confirmalo antes.
  • Restaurantes – Nas Illas Cíes hai varios establecementos de hostalaría que permanecen abertos no período de transporte público regular da campaña estival. Hoxe en día hai na illa os seguintes locais de restauración: restaurante e autoservizo no Cámping, Bar Serafín, Restaurante de Rodas e Bocatería Begoña.

Ler máis Ler menos

Como chegar – Planos dos nosos portos

Elixe o teu destino