Experiencias na Illa de Ons

Rutas guiadas oficiais

Esta experiencia ofrece aos nosos clientes a posibilidade de descubrir en profundidade as pintorescas Illas Ons e o seu incomparable encanto mariñeiro. Enche os teus sentidos de novas sensacións en contacto coa natureza, sente a inmensidade do Océano Atlántico e descubre as fermosas praias de augas cristalinas, que ofrecen unha familiar ollada cara a Ría de Pontevedra.

Descubre este fantástico lugar da man dos nosos guías especializados a través das rutas oficiais deseñadas por Parques Nacionais. Un guía experto acompañarate durante todo o transcurso da ruta para darche a coñecer de primeira man a súa historia, as súas praias, as súas impresionantes vistas…

ITINERARIOS

RUTA SUR

Esta ruta, de dous horas e media de duración, permite percorrer a parte sur da Illa de Ons accedendo ao miradoiro de Fedorentos. Con pouco máis de 6 quilómetros de lonxitude e un lixeiro desnivel duns 86 metros, destaca polas impresionantes vistas dende os seus dous miradoiros e polas súas peculiares formas xeolóxicas.

A beleza da Illa de Ons non é só paisaxística, senón que se alimenta de lendas e recunchos máxicos, como o Buraco do Inferno, unha fenda vertical que descende cara o mar, dende onde contan que se escoitan os lamentos das almas que vagan entre dous mundos tratando de explicar os seus pecados e borrar as súas culpas para afastarse do averno e descansar en paz.

RUTA NORTE

Cunha lonxitude de 8,1 quilómetros e un desnivel de 100 metros, esta ruta percorre a parte norte da illa, cruzando pola súa parte máis estreita e paseando por enriba do acantilado da súa fachada atlántica.

Ao longo das tres horas que dura o percorrido, o camiño discorre por Punta Liñeiros e Punta Xobenco e permite observar numerosas aves e as súas zonas de cría.

 RUTA FARO

Cunha lonxitude de 4 quilómetros e un desnivel de 120 metros, esta ruta, dunha hora e media de duración, ofrécenos un pequeno recorrido que nos permitirá ter unha idea xeral da illa. Este traxecto achéganos a parte máis estreita da mesma, a Enseada de Caniveliñas, onde se pode apreciar unha das fontes de auga doce máis importantes. Dende alí percorre a fachada atlántica subindo ata o punto máis alto, o faro, que ofrece unhas vistas panorámicas inigualables.

Cabe destacar que o Faro de Ons é un dos de maior alcance de España e tamén un dos máis grandes. Sitúase na parte máis alta da illa, na aldea e monte do Cucorno. Prendeuse por primeira vez o 3 de abril de 1865. No ano 1932, o faro revestiuse exteriormente con azulexos e, xunto aos de Sálvora e Sisargas, foi dos últimos faros de petróleo a presión que existiron. No ano 1990, a súa alimentación reconverteuse á enerxía fotovoltaica. O faro, que ten a peculiaridade de estar recuberto de azulexo, é obra do arquitecto Rafael de la Cerda, quen construíu outro xemelgo na illa de A Rúa (Ría de Arousa).

RUTA DO CASTELO

Cunha lonxitude de 1,1 quilómetros e un desnivel de 33 metros, a Ruta do Castelo vai dende o peirao de atraque ata a antiga batería do Castelo das Rodas. É a máis liviá das rutas e pasa pola praia Das Dornas onde podemos ver algunhas embarcacións tradicionais.

Elixe o teu destino