ILLA DE ONS

GUÍA DO VIAXEIRO

Prepara a túa viaxe á Illa de Ons

» Prepara a túa viaxe a Ons

 

Accede a información útil sobre todos os aspectos a ter en conta á hora de preparar a túa visita á Illa de Ons: reserva de billetes, documentación para viaxar, equipaxe,…

 

 

 

Reserva os teus billetes

A Illa de Ons é un dos principais destinos turísticos de Galicia, polo que recomendamos reservar os billetes coa maior antelación posible, xa que hai prazas limitadas, especialmente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

A reserva de billetes á Illa de Ons pódese facer directamente desde casa de forma sinxela, rápida e sobre todo segura. Fai a túa reserva a través da web www.mardeons.com ou chamando por teléfono ao 986 225 272.

No momento de realizar a reserva deberás elixir entre todos os portos de saída dispoñibles e os vinte e catro horarios.

 

Documentación

Para poder viaxar, deberás ter a man a documentación requirida para poder retirar os billetes reservados (número de reserva ou bono de viaxe).

Os nenos deberán viaxar sempre acompañados dun adulto e cómpre que presenten a documentación correspondente  (DNI, NIE, pasaporte ou libro de familia) durante o embarque, pois o noso persoal verificará que son menores de 13 anos.

Para poder efectuar o embarque de forma rápida e áxil, agradecemos que leves contigo a documentación xa preparada.

 

Equipaxe

Cada viaxeiro pode levar á illa ata un máximo de 20 kg de equipaxe. Porén, é importante que consideres a cantidade que podes trasladar por ti mesmo e prestes especial atención aos obxectos de valor. Mar de Ons non se fai responsable dos posibles roubos, perdas de equipaxe ou obxectos persoais dos pasaxeiros.

É importante que teñas en conta os obxectos que está prohibido levar a bordo por considerarse ilícitos ou perigosos.

 

Obxectos prohibidos

Por razóns de seguridade, está prohibido o transporte na equipaxe de man de calquera tipo de obxecto que poida poñer en risco a seguridade dos pasaxeiros, tales como:

  • Explosivos, municións, artigos de pirotecnia ou bengalas e armas perigosas.
  • Gases (inflamables, non inflamables, intensamente refrixerados ou velenosos) como gas para cámping, osíxeno, propano e butano.
  • Líquidos inflamables, como combustibles, pinturas ou disolventes.
  • Sólidos inflamables, como artigos de fácil ignición, substancias suxeitas á combustión espontánea, substancias que emiten gases inflamables ao contacto coa auga.
  • Substancias oxidantes, como sosa ou peróxidos.
  • Materiais radioactivos.

 

Viaxe con mascotas

Está completamente prohibido desembarcar calquera tipo de animal na Illa de Ons, excepto cans guía que acompañen a invidentes. Polo tanto, se estás interesado en visitar a Illa de Ons e necesitas un servizo de aloxamento de mascotas dispós deste servizo na cidade de Vigo.

Porén, se decides realizar só a travesía á Illa de Ons (sen posibilidade de desembarcar) debes saber que nos barcos admítese calquera animal de compañía, sempre que estea documentado. Considéranse animais de compañía cans, gatos e aqueles animais inofensivos que accedan ao buque provistos de correa, colar e bozo. A mascota deberá permanecer durante toda a travesía na zona exterior de barco.

Asegúrate de que levas a cartilla sanitaria da túa mascota e que está perfectamente ao día conforme ao calendario de vacinas e desparasitacións.

 

Emisión de billetes de embarque

Os billetes reservados poderán ser emitidos desde o momento da reserva ata 30 minutos antes da hora de saída elixida, nos nosos puntos de información. Para imprimir os billetes, simplemente terás que facilitar os datos de reserva que che enviaremos directamente ao teu correo electrónico.

Ante calquera dúbida, recomendámosche acudir a calquera dos puntos de información de Mar de Ons nos que o noso persoal estará encantado de atenderte.

 

Hora límite de embarque

Para embarcar deberedes acudir ao punto sinalizado cun tempo mínimo de 15 minutos antes da saída do seu barco. Os viaxeiros deberán estar na fila correspondente e cada persoa deberá levar na man o seu respectivo billete, de modo que o embarque se leve a cabo de forma áxil e rápida, facilitando deste modo a saída puntual do barco.

 

Recomendacións

Na illa non hai colectores de lixo, por iso recomendamos levar bolsas para a recollida, etc.

Informarse da normativa do Parque, participando na súa conservación.

Levar calzado deportivo e roupa cómoda; tampouco esquecer o impermeable ou algo de abrigo para a viaxe en barco, en previsión de cambios de temperatura.

Levar auga e procurar beber en abundancia durante a visita. Unha prolongada exposición ao sol, as temperaturas estivais e o vento poden producir problemas de deshidratación.

Non esquecer elementos como gafas de sol, gorras e crema de protección solar.

Circular só polos camiños destinados ao uso público (zonas de visita libre), tendo en conta a sinalización.

É recomendable levar gafas de mergullo, cámara de fotos, de vídeo e prismáticos.

Atender as instrucións establecidas pola dirección do Parque e seguir as indicacións dos gardas do Parque Nacional. Colaborar activamente na conservación deste espazo natural, alertando sobre posibles deficiencias ou suxerindo melloras; a comunicación é un instrumento básico de xestión.

Tamén é importante saber que non hai servizo médico, a excepción dos meses de verán, que contan cun posto da Cruz Vermella de atención diúrna.

» Información Práctica

Accede a información útil sobre os aspectos que debes ter en conta no lugar de destino: normas do Parque Nacional, servizos na Illa, rutas, praias…

Normativa do parque

NON está permitido:

  • Tirar calquera resto de comida ou lixo, pois non hai papeleiras, polo que hai que traer o lixo ao porto de orixe e depositalo nos colectores de lixo ao seu desembarque.
  • Desembarcar animais domésticos (excepto cans guía).
  • Acceder ou transitar con vehículos a motor (excepto cadeiras de rodas).
  • Acampar fóra dos lugares destinados a tal fin.
  • Prender calquera tipo de lume, fogueira ou similar.
  • Acceder ás zonas sinalizadas como restrinxidas ao público.
  • Molestar, ferir, capturar ou matar aos animais silvestres.
  • Arrancar, cortar ou danar a vexetación, incluídas flores e froitos.
  • A recolección, destrución ou alteración de elementos de interese arqueolóxico, histórico ou xeolóxico, tanto terrestres como mariños: pedras, conchas, etc.
  • Introducir especies animais e/ou vexetais autóctonas.
  • Realizar calquera actividade que destrúa, deteriore ou trastorne os elementos naturais singulares da zona.
  • Utilizar megafonía ou emitir ruídos que poidan alterar a tranquilidade natural do lugar.
  • A práctica de submarinismo sen autorización previa.
  • Realizar pesca submarina e pesca deportiva.
  • Permanecer ou transitar con armas, arpóns, fusís submarinos ou outros utensilios similares.

SI está permitido:

  • Levar  comida, sempre e cando se leven os residuos ao punto de orixe, xa que non hai papeleiras.
  • Fumar, sempre e cando non se tire a cabicha ao chan.
  • Desembarcar cans guía.
  • Acceder con cadeiras de rodas manuais (a motor non poden subir ao barco).

Servizos básicos

Asistencia sanitaria – Ata o día de hoxe, ningún dos arquipélagos conta con persoal sanitario de forma permanente, tan só nos meses de xullo, agosto e setembro existe este servizo durante o día, xa que coincide coa maior afluencia de visitantes. Na Illa de Ons, o servizo de asistencia sanitaria está no cruce de camiños do barrio de Curro de camiño ao Faro. Conta cun DUE e un socorrista.

Auga potable – Un dos motivos que propiciaron os asentamentos humanos desde antigo na illa foi a existencia de mananciais propios. Porén, aínda que as necesidades neste caso están cubertas, é importante ter en conta que a auga potable é un ben escaso, aínda máis nos períodos máis secos e que coinciden cos de maior afluencia de visitantes. Na Illa de Ons as fontes están sinalizadas, pero non se garante a súa potabilidade, polo que se recomenda levar auga en abundancia para visitar a illa, xa que se trata dun territorio con vento e moito sal no aire que propicia a deshidratación baixo o sol.

Aseos públicos – Na Illa de Ons non existen aseos públicos independentes doutros servizos, pero poderánse utilizar os aseos que os bares dispoñen para os seus clientes de forma pública. Non obstante, estes aseos non son accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Áreas de descanso – Aproveitando o abrigo natural que proporcionan as árbores, habilitáronse varias zonas de descanso xunto a algún dos camiños máis frecuentados, complementadas con mesas ou bancos que permiten ao visitante facer un alto no camiño para descansar, comer ou simplemente sentarse a gozar da paisaxe e a tranquilidade. Na Illa de Ons hai mesas e bancos de madeira tras a praia de “Area dos Cans”, xunto á zona de acampada, e na praia de Dornas, que ademais dispón de fonte preto dela.

Servizos de atención ao visitante

Caseta de Información: Na Illa de Ons hai unha caseta de información xusto ao final do peirao de acceso, fronte á praia de “As Dornas”. Nela pódese solicitar toda a información que se precise sobre o Parque Nacional, tanto en cuestión de servizos como de posibles actividades a realizar na illa. O seu principal obxectivo é ofrecer ao visitante toda a información que lle permita aproveitar ao máximo a súa visita ao Parque. Este servizo está dispoñible sempre que haxa servizo regular de transporte marítimo e funciona con horario ininterrompido ao mediodía durante os meses de Xullo e Agosto.

Centro de Visitantes de Ons: Situado no barrio de Curro e fronte á igrexa, na construción do antigo Centro Cívico de Ons atopamos este centro de interpretación baseado no patrimonio e etnografía da Illa e dos antigos illeiros. Ons, Illa de lendas e tradicións, ten unha longa vida chea de acontecementos que condicionaron a supervivencia dos seus habitantes e deu lugar a unha cultura con amplo coñecemento da natureza e crenzas populares que marcaban a vida diaria. A exposición deste centro recolle unha mostra dos valores naturais deste arquipélago e unha viaxe máis detallada pola historia, costumes e vida na illa en épocas anteriores. O centro, xeralmente, permanece aberto durante a tempada estival.

Miradoiros: Aínda que existen multitude de lugares na illa desde os que admirar a paisaxe, tan só se consideran como tales algúns deles, que polo seu elevado interese paisaxístico, amplitude e localización son accesibles para a maior parte dos visitantes. En Ons, o miradoiro de Fedorentos ofrece unha impresionante panorámica da Illa de Onza, as Illas Cíes, a Costa da Vela e a zona continental máis próxima aos arquipélagos.

Servizos hostaleiros

O restaurante Casa Checho ofrece a maior e mellor oferta de pratos típicos de gran calidade, a base de produtos frescos e acabados de pescar, tales como polbo e empanada de zamburiñas, entroutos.

» Como chegar: Planos dos nosos Portos

NON ESPERES MÁIS…

RESERVA AGORA O TEU BILLETE

O billete para o destino dos teus soños

- +
- -
- +

AVISO IMPORTANTE

SE VAS VIAXAR ÁS ILLAS CÍES OU Á ILLA DE ONS EN SEMANA SANTA E A PARTIR DO 15 DE MAIO (EXCEPTO CAMPISTAS), antes da compra do billete, debes obter a autorización solicitada pola Xunta de Galicia, na que che facilitarán o código pre-reserva (necesario para adquirir o billete do barco).

TAMÉN PODES DESFRUTAR DE...